Verso clásico Verso libre Prosa poética Relato
Perfil Mis poemas Mis comentarios Mis favoritos
Cerrar sesión

A catedral

As bisagras renxen
de devoción ardente
nos seus piares cicelados polos séculos.

A catedral ollábame, solemne,
nos meus días estudantís e os meus paseos,
con xentil silueta,
sempre tenra e preta,
facendo que a cidade respirase
ao son das súas campás.

Lembro a Bach vibrando no órgano
e provocando a miña emoción pura.
O frescor dos seus muros de pedra
e a altura inmensa das columnas,
sendo eu tan pequena.

Un artefacto estraño,
de cando en vez,
voaba, desprendendo un cheiro intenso
nun baile rítmico e asombroso.
Estarrecía ser presa da súa danza.

O templo presume dunha louzanía nova,
agardando a que eu volva,
coa paciencia do que non espera nada,
entretida por milleiros de peregrinos que a cortexan.

Sempre estará
cando precise dela,
por iso non choro
cando teño que estar lonxe,
por iso o sorriso asoma
coa súa fermosa lembranza
reflectida no meu sentir.

etiquetas: catedral de santiago, lembranzas
10
4comentarios 185 lecturas galegoportu karma: 57