Corro para afogar a mágoa de non te ter,
mesturada coa xente que non coñezo.
Apuro a miña vida para chegar a ningures
e logo dar a volta
e contemplar o teu sorriso no espello.
Marcho á présa, sen despedirme,
porque me saíron ás de liberdade
nesta noite de somnámbulos soños.
Bule o meu folgo
coa aventura que me agarda.
Nin o solpor fará desvanecer
a ledicia do meu voo
por leiras e prados,
por contos, risos e laios.
Corro para avanzar
entre as herbas e o millo,
nas rúas da cidade
e entre as páxinas do meu libro
que agroma ao mencer
e dorme nas horas fuxidías da fin do día.
Só a gadaña do devir
poderá interromper esta fermosa viaxe.
etiquetas: lírico, carreira, vida, avanzar 249 lecturas galegoportu karma: 35