Non me esquezo da pureza branca do teu pelo,
da solemnidade do teu bigote nun rostro tan mozo,
da sabedoría que reflectían, sempre, as túas verbas.
Como non te vou ver, decotío,
en cada home de neve
que, nestes invernos ausentes,
se cruza no meu camiño?
O teu nome sonoro, firme,
resoa na dor ardente
que chora nos acordes do violonchelo
acariñado por as mans do teu fillo.
Deixaches unha pegada xigante, Ramón,
nesta miña ribeira deserta
que non existen ondas que a poidan borrar
nin eu quero que as haxa.
Aquel dous de xaneiro
un baleiro encheu de tristura
á miña familia.
Mais, mentres o meu alento non esmoreza,
non morrerá a túa memoria, meu ben querido irmán.
etiquetas: ausencia, irmán 204 lecturas galegoportu karma: 59