Disque o mariñeiro orfo de agarimo
é alumeado polo seu fogo intermitente
cando a marusía estarrece a dorna
e o amor está moi lonxe.
Abraia a beleza da Torre fermosa
e tamén a da miniatura azul
que loce naquel recuncho do orgullo coruñes.
As pedras silentes agochan
contos vellos de naufraxios e reencontros,
de xuntanzas populares,
tronadas virulentas enchoupando almas
e ferintes soles do mes de agosto.
As estrelas devecen por pousarse
na lanterna brillante
e apagar ao fachendoso faro,
pero non son quen de conquerilo.
Hércules quixo, tamén, facela súa,
mais o universo arrebatouna
das fortes mans do heroe
para entregala a nós, os seus admiradores fieis,
por sempre.
etiquetas: torre, de, hércules 294 lecturas galegoportu karma: 49